No items found.
Photography

O salto á natureza

Miguel Mosquera Conde

Project year: 

2022

Integrated Project

En ocasións, os procesos artísticos nacen baixo a éxida, ou derivan cara o exercicio íntimo de poñer orde e facer limpeza. Demasiado ruído, demasiado concepto, marea, vida. Cousa adquirida, que enturba a comprensión dun mesmo.

O pincel serve para salvar as cousas do caos.

Shitao. Pintor de paisaxes chinés, s: XVIII

O Proxecto final de Miguel Mosquera Conde; O salto á natureza, para o Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía, liga dun xeito fermoso o seu discurso coa necesidade xenuína, tal e como explica na memoria do proxecto, de cuestionar e sandar certas actitudes ou procesos laborais herdados do seu facer profesional, vital. Encrucilladas.

Adoita entón facer longas camiñadas polo bosque que promoven a reflexión. Un novo xeito de relacionarse co traballo que, co paso do tempo, deriva nun modus operandi no que atopa un sentido e realización máis preto de seu.

Froito deste novo pensar é a proposta O salto á natureza, onde Mosquera aproveita a desculpa dun proxecto de fin de grao para razoar o taboleiro do xogo. Incorpora así a ficción, na forma dunha nova editora de literatura (Glifo), que lle fai a encarga profesional de varias fotografías para as capas de cinco títulos que pretenden sacar ao mercado, en tradución ao galego e achegados ao xénero Nature Writing.

É partindo desta magnífica premisa lúdica, onde o proxecto acada unha dimensión de fondura pouco común. Comezando polas lecturas e conversas cos libros elixidos, as visitas frecuentes ao lugar de Tronceda, onde xorde quizais, a idea dos retratos fotográficos para daren nova vida ós títulos ou, nesa xunta que en todo momento fai con algúns artistas polos que sente unha querenza especial e, que Mosquera sitúa na esfera das “inspiracións / débedas visuais e conceptuais” e que son: Pierre Gonnord, Daniel Spoerri, Miguel Mosquera (seu pai), Hamish Fulton e, Gilbert Garcín.

A dimensión de fondura que comentara antes, fornécese ao comprobar as trazas de riqueza de pensamento conceptual e formal que vai acadando o proxecto. As liñas de significados e implicacións do propio artista aparecen, nun palimpsesto onde o relato acolle, para min, o seu valor máis verdadeiro. Falo da meticulosidade e gusto á hora de soster o predio todo da ficción; a invención da editora, do nome e deseño da marca. A multiplicidade de funcións, sendo ao tempo fotógrafo, deseñador, editor, artista contratado, impresor ou, artesán da madeira, cando ofrece cara ao final do produto, ese estoxo magnífico de colección e pensado até o último detalle para conter os libros editados. O proxecto ven acompañado dunha deliciosa documentación que de novo, fuxe do marco da esixencia académica: ademais dos planos convencionais de estudo para cada fotografía, aparecen bosquexos e mapas conceptuais, itinerarios (con relación de quilómetros e custes), e unha sorte de detalles técnicos que Mosquera vai anoando xunto a relación que mantén cos modelos das fotografías, o feito de encargarlle a outro estas liñas ou, o acerto do detalle conceptual e fotografado que pecha os libros e, que a xeito de espello, crea unha relación de proximidade onde se dan o xogo, a ironía, o pensamento crítico e, abrindo de novo a partida para un outro relato dentro do relato.

E todo xira!

Texto de Pablo Otero.

Go to project cover