EXTERNAL INTERNSHIPS
ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.(…)
CAPÍTULO III · MATRÍCULA, PROMOCIÓN E PERMANENCIA
Artigo 10. Matrícula
(…)
5. O alumnado matricularase nas prácticas externas (PE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria, respectivamente, para a superación desta disciplina. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a realización das PE ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.
(…)
CAPÍTULO IX · AS PRÁCTICAS EXTERNAS (PE)
Artigo 38. Características e modalidades das PE
1. As prácticas académicas externas constitúen unha actividade de natureza formativa e carácter práctico que o alumnado debe realizar, supervisada polo centro en que cursa os estudos, tendo como obxectivo permitirlle aplicar e complementar os coñecementos acadados na súa formación académica, favorecer a adquisición das competencias asignadas á dita disciplina, preparar para o exercicio de actividades profesionais, facilitar a súa empregabilidade e fomentar a súa capacidade de emprendemento.
2. As PE poderanse realizar en entidades colaboradoras, tales como empresas, institucións, entidades públicas ou privadas de ámbito nacional ou internacional. Dado o carácter formativo das PE, da súa realización non se derivarán, en ningún caso, obrigas propias dunha relación laboral, nin suporá para o alumnado en prácticas a prestación laboral propia dun posto de traballo.
3. As PE poderán ser curriculares e extracurriculares:
a) As PE curriculares configúranse como actividades académicas integrantes do plan de estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro.
b) As prácticas extracurriculares son aquelas que o alumnado poderá realizar con carácter voluntario durante o seu período de formación e que, aínda tendo os mesmos obxectivos que as prácticas curriculares, non forman parte do plan de estudos, e serán recollidas no suplemento europeo ao título (SET) segundo o establecido nesta orde.
Artigo 39. Obxectivos das PE
Coa realización das PE pretendese acadar os seguintes obxectivos:
a) Contribuír á formación integral do alumnado complementando a súa formación teórica e práctica.
b) Facilitar o coñecemento da metodoloxía de traballo adecuada á realidade profesional en que o alumnado deberá operar, contrastando e aplicando os coñecementos acadados.
c) Favorecer o desenvolvemento de competencias xerais, transversais e específicas asignadas á disciplina e as competencias metodolóxicas, persoais e participativas.
d) Obter a experiencia práctica que lle facilite a inserción no mercado laboral.
e) Favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento.
Artigo 40. Programación das PE
A programación en que se concretará a realización das PE deberá fixar os obxectivos formativos, as actividades a desenvolver e os criterios de avaliación acordados polo departamento da familia artística profesional correspondente aos cales fai alusión o artigo 42.5 desta orde. Os obxectivos estableceranse considerando as competencias xerais, transversais e específicas asignadas a esta disciplina, e os contidos definiranse de xeito que aseguren a relación directa das competencias a acadar nos estudos cursados. En calquera caso, procurarase que a programación se conforme seguindo os principios de inclusión, igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.
Artigo 41. Realización, duración e horarios das PE
1. As PE serán realizadas polo alumnado en empresas, institucións, estudos ou talleres en que a actividade principal se desenvolva no ámbito profesional da especialidade correspondente, en tarefas directamente relacionadas coas competencias específicas acadadas polo alumnado ao longo dos seus estudos. O alumnado redactará e entregará ao/á seu/súa titor/a académico/a unha memoria final segundo o formato disposto polo centro, ao remate das prácticas, en que deberán figurar, entre outros, os seguintes aspectos:
a) Datos persoais do/da alumno/a.
b) Datos da entidade colaboradora en que realizou as PE e lugar de localización.
c) Descrición concreta e detallada das tarefas, traballos desenvolvidos e departamentos da entidade aos cales estivo asignado/a, temporalización, circunstancias, calendario e horario destas.
d) Valoración das tarefas desenvolvidas segundo os seguintes parámetros: adecuación das tarefas aos coñecementos e competencias acadadas na súa formación académica e grao de inmersión do/da alumno/a nos procesos produtivos e laborais da institución ou empresa.
e) Valoración dos problemas formulados e o procedemento seguido para a súa resolución.
f) Identificación das achegas que, en materia de aprendizaxe, supuxeron as prácticas realizadas.
g) Valoración da titoría efectiva desenvolvida polo/a responsable das PE por parte da entidade, e suxestións de mellora.
2. As PE terán unha duración presencial mínima de 250 horas, distribuídas en horarios establecidos de acordo coas súas características e as dispoñibilidades da entidade colaboradora. Procurarase que os horarios sexan compatibles coa actividade académica formativa e de representación e participación desenvolvida polo alumnado no centro no que cursa os estudos superiores de Deseño.
Artigo 42. Organización das PE
1. As PE serán organizadas, supervisadas e cualificadas segundo o disposto no artigo 12.4 do Decreto 61/2011, do 24 de marzo, polo que se establece o regulamento orgánico das escolas de arte e superiores de Deseño da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Os centros en que o alumnado cursa os estudos superiores de Deseño e as entidades colaboradoras na realización das PE asinarán un acordo de colaboración no que constará, cando menos, os seguintes datos:
a) Nome, razón social da empresa ou institución na que se realizarán as prácticas externas, e persoa responsable da realización das PE por parte da empresa ou institución.
b) Centro, dirección e localidade na que terán lugar.
c) Datas de comezo e remate das PE, e a súa duración en horas.
d) Número de horas diarias de dedicación ou xornada e horario/s asignado/s.
e) Programación das actividades e competencias a desenvolver.
f) Horario e calendario individualizado para cada alumno/a, e definición das tarefas nas que o alumnado terá que participar.
g) Modelo de informe de valoración da actividade desenvolta polo alumnado na realización das PE, a formalizar polo/a responsable das PE por parte da empresa ou institución.
3. Asignación do alumnado a empresas e institucións para a realización das PE. O/a titor/a académico/a do cuarto curso de cada especialidade dos estudos superiores de Deseño asignará ao alumnado que reúna as condicións establecidas na presente orde para a realización das PE, a empresa ou institución para o efecto, segundo os seguintes criterios:
a) Os centros establecerán a oferta, difusión, solicitude e asignación de empresas ou institucións para a realización das PE de cada especialidade, garantindo, en calquera caso, os principios de transparencia, publicidade, accesibilidade universal e igualdade de oportunidades.
b) Outorgarase prioridade ao alumnado que solicite realizar prácticas curriculares fronte ao alumnado que solicite realizar prácticas extracurriculares. Así mesmo, outorgarase prioridade na elección e asignación de empresas e/ou entidades ao alumnado con discapacidade, co obxecto de que poidan optar a empresas ou institucións en que estean aseguradas todas as medidas de accesibilidade universal, incluídas as referidas ao transporte para o seu traslado e o acceso a estas.
4. Funcións do/da titor/a das PE.
O/a titor/a académico/a do cuarto curso dos estudos superiores de Deseño terá, en relación co desenvolvemento das PE, as seguintes funcións:
a) Formalizar na documentación establecida para o efecto, os acordos coas persoas responsables das empresas ou institucións que colaboren co centro na realización das PE, de acordo coas directrices aprobadas polo departamento de relación con empresas, estudos ou talleres.
b) Asignar ao alumnado ás empresas ou institucións para a realización das PE, informándoo do calendario, horario e condicións de realización destas.
c) Cubrir e custodiar a documentación relacionada coa realización das PE do alumnado, e que formará parte integrante do seu expediente académico.
d) Informar e asesorar o alumnado en cantas cuestións se presenten na realización das PE.
e) Cualificar o alumnado, tendo en conta o informe do/da responsable das PE por parte da empresa ou institución, de acordo cos criterios fixados polo departamento correspondente e co establecido nesta orde.
5. Cualificación das PE.
As PE serán avaliadas e cualificadas polo/a titor/a correspondente, segundo o establecido no artigo 37 do citado Decreto 61/2011, e tendo en conta o informe individualizado sobre cada alumno/a redactado polo/a responsable da empresa, institución, estudo ou taller no que o/a alumno/a teña realizadas as PE.
Na avaliación das PE teranse en conta os criterios que acorden o departamento da familia profesional artística correspondente e o informe individualizado do/da titor/a das PE.
A cualificación das PE expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con expresión dun decimal.
No caso que, por causa debidamente xustificada, o alumnado que está realizando as PE interrompa a súa realización, o tempo efectivo de realización seralle computado sempre que se reincorpore á súa realización, no mesmo ou diferente ano académico.
Cando o alumnado realice esta disciplina noutro centro de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior, conforme a un programa de mobilidade do alumnado, a realización, organización e cualificación das PE realizarase conforme o establecido no dito programa de mobilidade.
Para información adicional prégase enviar un correo electrónico ao Xefe de Departamento de relacións con empresas, estudos e talleres Armando García Ferreiro: armando@edu.xunta.es