ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
CAPÍTULO IV · RECOÑECEMENTO DE CRÉDITOS ECTS
Artigo 14. Criterios xerais para o recoñecemento de créditos ECTS nos estudos superiores de Deseño
1. Para o recoñecemento e transferencia de créditos observarase o disposto no artigo 10 do Decreto 172/2015, do 29 de outubro.
2. O recoñecemento de créditos efectuarase, en calquera caso, tendo en conta a adecuación dos contidos e competencias asociados ás disciplinas cursadas polo/a estudante e aos previstos no plan de estudos do centro de destino.
3. O recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina dos estudos superiores de Deseño suporá a aceptación dos créditos obtidos noutros estudos superiores para os efectos da obtención do título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade que corresponda.
4. O dito recoñecemento suporá a validación ou exención de cursar a/s disciplina/s correspondente/s, para os efectos da obtención do título superior de Deseño na especialidade que corresponda.
5. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados a unha determinada disciplina dos estudo superiores de Deseño, para a superación da totalidade desta o alumnado deberá cursar e superar a parte da programación docente desa disciplina que lle sinale o/a profesor/a correspondente, e a cualificación da disciplina recoñecida parcialmente será a resultante da media ponderada en función do número de créditos recoñecidos entre a cualificación obtida e a cualificación que o alumnado obteña na parte non recoñecida da disciplina.
6. A experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado dos estudos superiores de Deseño poderá ser tamén obxecto de recoñecemento en forma de créditos ECTS, que se computarán para os efectos da obtención dun título oficial, sempre que a dita competencia estea relacionada coas competencias asociadas ao dito título. Os créditos ECTS recoñecidos pola experiencia laboral e profesional acreditada polo alumnado quedarán asociados ás prácticas externas curriculares, e o seu número non poderá ser superior, no seu conxunto, a 15 % do total de créditos ECTS que constitúen o plan de ensinanzas cursado. O recoñecemento destes créditos ECTS non implicará a súa cualificación, polo que non se computarán para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado. No caso de recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados ás prácticas externas, o alumnado deberá superar o total destes coa realización das horas de prácticas externas curriculares, a razón 25 horas por cada crédito ECTS non recoñecido.
7. En ningún caso serán obxecto de recoñecemento os créditos ECTS asociados ao traballo de fin de estudos ou a mestrados.
8. Nas disciplinas en que se recoñeza a totalidade dos créditos ECTS asociados a estas, computarase a cualificación obtida no centro de procedencia.
9. No caso do recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina por ter cursado máis dunha disciplina, a cualificación da disciplina obxecto de recoñecemento será a resultante da media aritmética das cualificacións nas disciplinas consideradas para o recoñecemento.
10. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas¡ cursadas polo alumnado en que a cualificación sexa literal e numérica, respectarase a cualificación numérica.
11. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado en que a cualificación sexa unicamente literal, considerarase a cualificación numérica segundo a seguinte equivalencia:
a) Aprobado/suficiente: 5,5.
b) Ben: 6,5.
c) Notable: 8,0.
d) Sobresaliente/matrícula de honra: 9,5.
12. No caso do recoñecemento de créditos ECTS a partir de módulos ou disciplinas cursadas polo alumnado en que non exista cualificación, ou ben figuren como exento/a, validada, recoñecida ou adaptada, na disciplina cuxos créditos ECTS asociados se recoñezan non existirá cualificación, figurará como REC (recoñecida), e non computará para os efectos de ponderación da cualificación media do expediente académico do alumnado.
Artigo 15. Criterios específicos para o recoñecemento de créditos ECTS en función dos estudos cursados e superados
1. Estudos cursados en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior: con carácter xeral, os créditos obtidos polo alumnado dos estudos superiores de Deseño, en ensinanzas oficiais, en centros de ensinanzas artísticas superiores ou noutro centro do Espazo Europeo da Educación Superior poderán ser obxecto de recoñecemento tendo en conta a concordancia entre as competencias, os contidos e o número de créditos ECTS asociados ás disciplinas cursadas e ás competencias, aos contidos e ao número de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas no plan de estudos que o alumnado se atope cursando.
2. Estudos cursados e superados noutra especialidade das mesmas ensinanzas artísticas superiores de Deseño: ao alumnado que acceda a unha nova especialidade dos estudos superiores de Deseño recoñeceráselle a totalidade dos créditos ECTS obtidos asociados ás disciplinas con carácter de formación básica que estea cursando. Para o resto das disciplinas serán de aplicación os criterios xerais recollidos nesta orde.
3. Estudos cursados e superados en ensinanzas artísticas superiores de Deseño, segundo plans de estudos previos, e declarados equivalentes para todos os efectos á diplomatura universitaria: ao alumnado que acceda aos estudos superiores de Deseño tendo iniciado ou rematado os estudos superiores de Deseño cursados segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 233/2005, do 14 de xullo, seranlle recoñecidos os créditos ECTS asociados ás diferentes disciplinas que cursan, segundo o anexo á desta orde. Ao alumnado que acceda aos estudos superiores de Deseño tendo iniciado ou rematado os estudos superiores de Deseño cursados segundo plans de estudos establecidos polas administracións educativas doutras comunidades autónomas, ao abeiro do Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, seranlle recoñecidos os créditos ECTS asociados ás diferentes disciplinas que cursan, segundo o disposto no artigo 14 desta orde.
4. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias segundo plans de estudos anteriores ao establecemento do Espazo Europeo da Educación Superior: ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño e estea en posesión dun título universitario oficial ou teña cursado e superado períodos formativos conducentes a titulacións universitarias oficiais dentro do Estado español, segundo plans de estudos regulados con anterioridade ao establecemento do Espazo Europeo da Educación Superior, poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño que cursan, de acordo co establecido no artigo 14 desta orde.
5. Recoñecemento de créditos ECTS pola participación do alumnado en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación: de acordo co establecido no número cinco do Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados a unha disciplina de carácter optativo pola súa participación en actividades en actividades culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación, ata un máximo de seis créditos ECTS no total do plan de estudos, sempre que a natureza da actividade se relacione directamente coas competencias transversais, xerais ou específicas do título.
6. Estudos cursados e superados en titulacións universitarias de grao: o alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño poderá obter o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas que os integran, por ter superado períodos de estudo conducentes a titulacións oficiais españolas de ensinanzas universitarias, sempre que se acrediten en créditos ECTS. Ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño e estea en posesión dun título de grao universitario, integrado nunha rama de coñecemento directamente relacionada cos estudos superiores de Deseño, segundo o establecido no anexo 2.a) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seralle recoñecido un mínimo de 36 créditos ECTS asociados ás disciplinas que integran as ensinanzas que cursa, segundo o establecido no anexo 1 do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro.
Ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño, e teña superado as prácticas externas curriculares dun título integrado nunha rama de coñecemento de ensinanzas universitarias directamente relacionada cos estudos superiores de Deseño, segundo o establecido no anexo 2.a) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seranlle recoñecidos total ou parcialmente, créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, segundo o número de horas realizadas nas prácticas curriculares superadas e aplicando a proporción dun crédito ECTS por cada 25 horas realizadas. Para o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, o alumnado deberá completar as horas asignadas a estas, se for o caso, sen prexuízo da entrega da documentación que corresponda. A cualificación obtida polo alumnado nas prácticas curriculares non se terá en conta para os efectos da cualificación nas Prácticas Externas. Se o recoñecemento de créditos ECTS é total, manterase a cualificación obtida polo alumnado nas prácticas curriculares superadas.
7. Estudos cursados e superados conducentes ao título de técnico/a superior de Artes Plásticas e Deseño: ao alumnado de estudos superiores de Deseño que estea en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño, ou titulación declarada equivalente, seranlle recoñecidos un mínimo de 30 créditos ECTS asignados ás disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño que está cursando, en función da relación directa entre a especialidade dos estudos superiores de Deseño que estea cursando e as ensinanzas de artes plásticas e deseño que teña cursadas, segundo o establecido no anexo 2.c) do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro. Ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño e teña superado o módulo profesional de Formación práctica en empresas, estudos ou talleres, integrado nun ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, seranlle recoñecidos parcialmente créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, segundo o número de horas realizadas no módulo superado e aplicando a proporción dun crédito ECTS por cada 25 horas realizadas. Para o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, o alumnado deberá completar as horas asignadas a estas, sen prexuízo da entrega da documentación, que corresponda. A cualificación obtida polo alumnado no módulo de Formación en empresas, estudos ou talleres non se terá en conta para ningún efecto de recoñecemento de créditos ECTS, e no seu expediente académico figurará coa notación REC (recoñecida).
8. Estudos cursados e superados conducentes ao título de técnico superior de Formación Profesional: ao alumnado dos estudos superiores de Deseño que estea en posesión dun título de técnico superior en Formación Profesional, ou titulación declarada equivalente, seranlle recoñecidos un mínimo de 30 créditos ECTS, asignados ás disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño que está cursando, en función da relación directa entre a especialidade dos estudos superiores de Deseño que estea cursando e as ensinanzas de Formación Profesional que teña cursadas, segundo o establecido
no anexo 2.e) do citado Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro. Ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño e teña superado o módulo profesional de Formación en centros de traballo das ensinanzas de Formación Profesional de Grao Superior, relacionado directamente coa especialidade dos estudos superiores que está cursando, segundo o establecido no anexo 2.e) do Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, seranlle recoñecidos parcialmente créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, segundo o número de horas realizadas no módulo superado e aplicando a proporción dun crédito ECTS por cada 25 horas realizadas. Para o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, o alumnado deberá completar as horas asignadas a estas, sen prexuízo da entrega da documentación, que corresponda. A cualificación obtida polo alumnado no módulo de Formación en centros de traballo, non se terá en conta para ningún efecto de recoñecemento de créditos ECTS, e no seu expediente académico figurará coa notación REC (recoñecida). Tamén se poderán recoñecer créditos ECTS asociados a disciplinas dos estudos superiores de Deseño ao alumnado que teña superado cursos de especialización referidos a un título oficial de técnico superior de Formación Profesional sempre que se acrediten oficialmente en créditos ECTS.
9. Estudos cursados e superados conducentes ao título de técnico superior en Ensinanzas Deportivas: ao alumnado dos estudos superiores de Deseño que estea en posesión dun título de técnico superior deportivo, ou equivalente, seralle recoñecido un mínimo de 27 créditos ECTS asignados ás disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño que está cursando. No caso de que o alumnado solicite o recoñecemento dos créditos obtidos na realización da fase ou módulo de Formación práctica das ensinanzas deportivas de grao superior, aplicarase o criterio establecido no número 7 deste artigo. Tamén se poderán recoñecer créditos ECTS asociados a disciplinas dos estudos superiores de Deseño ao alumnado que teña superado cursos de especialización referidos a un título oficial de técnico superior en Ensinanzas Deportivas, sempre que se acrediten oficialmente en créditos ECTS.
10. Recoñecemento total ou parcial dos créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas: de acordo co establecido no número dous do Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, ao alumnado que cursa os estudos superiores de Deseño poderánselle recoñecer créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas pola experiencia laboral ou profesional acreditada, sempre que a dita experiencia laboral ou profesional estea directamente relacionada coas competencias inherentes ao título a que conduce os estudos que cursa. O número de créditos ECTS que se lle recoñezan, asociados á disciplina de Prácticas Externas, non poderá exceder o 15 % da totalidade dos créditos ECTS asociados ao plan de estudos. O recoñecemento da totalidade destes créditos ECTS non incorporará cualificación, deberá figurar como cualificación a notación REC (recoñecida), e non contando para os efectos da baremación do expediente académico do alumnado. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas, o alumnado deberá cursar a dita disciplina realizando as horas que correspondan, a razón de 25 horas por cada crédito ECTS non recoñecido, sen prexuízo do cumprimento das disposicións relativas á realización e superación da dita disciplina e, en particular, á súa cualificación.
Artigo 16. Límites ao recoñecemento de créditos ECTS nos estudos superiores de Deseño
1. O procedemento de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas dos estudos superiores de Deseño en ningún caso comportará a obtención do título superior de Deseño.
2. En ningún caso poderá ser obxecto de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas dos estudos superiores de Deseño:
a) Os traballos de fin de grao de ensinanzas universitarias.
b) Os traballos fin de estudos das ensinanzas artísticas superiores.
c) Os módulos de Obra ou Proxecto final ou de Proxecto integrado das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.
d) Os módulos profesionais de Proxecto das ensinanzas de Formación Profesional.
e) Os módulos de Proxecto final das ensinanzas deportivas.
3. Os estudos recoñecidos non poderán superar o 60 % dos créditos ECTS do plan de estudos que cursa o alumnado.
4. Cando o recoñecemento de créditos ECTS se solicite para cursar estudos que conduzan á obtención dun título que permita o acceso a unha profesión regulada, deberá comprobarse que os estudos alegados responden ás condicións exixidas aos currículos e plans de estudos cuxa superación garantirá a cualificación profesional necesaria.
Artigo 17. Órgano competente na resolución de recoñecemento de créditos ECTS nos estudos superiores de Deseño
Ao abeiro do disposto no artigo 10 do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, o órgano competente para a resolución das solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS asociados a disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia é a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, que poderá estar asesorada por unha comisión específica, integrada por inspectores de educación e/ou docentes dos corpos de catedráticos/as, de profesores/as de artes plásticas e deseño ou de mestres/as de taller da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 18. Procedemento para o recoñecemento de créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño
1. Solicitude, prazos e documentación acreditativa.
a) O alumnado poderá solicitar o recoñecemento total ou parcial dos créditos ECTS asociados ás disciplinas integradas nos estudos superiores de Deseño no centro no que estea cursando os ditos estudos. A solicitude deberá realizarse no momento da formalización da matrícula, segundo o modelo de solicitude que se estableza para tal fin.
b) Xunto coa solicitude, o alumnado achegará a seguinte documentación:
– Unha certificación académica oficial dos estudos cursados que sustentan a solicitude
de recoñecemento de créditos.
– No caso de que os estudos superados polo alumnado solicitante fosen cursados segundo plans de estudos establecidos por outras administracións educativas autonómicas do Estado Español, polas universidades, ou por autoridades educativas doutros estados, o alumnado achegará os programas oficiais seguidos nas disciplinas ou módulos que sustentan a solicitude, visados polos centros oficiais en que se teñen superado.
c) Rematado o prazo de matrícula, a dirección do centro remitirá á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, nun prazo non superior a dez días, todas as solicitudes presentadas xunto coa documentación relativa a estas, e, de ser o caso, os informes correspondentes.
2. Resolución, prazos e notificación.
A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores resolverá e notificará aos centros, sobre as solicitudes de recoñecemento de créditos ECTS recibidas no prazo máximo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de entrada das solicitudes na devandita dirección xeral.
Artigo 19. Matrícula do alumnado nas disciplinas en que se lle recoñecen créditos ECTS asociados
O alumnado ao cal se teña recoñecido a totalidade dos créditos ECTS asociados a unha disciplina poderá ampliar a súa matrícula noutras disciplinas que sumen o mesmo ou inferior número de créditos ECTS asociados que os recoñecidos, sen prexuízo do cumprimento do establecido con carácter xeral na presente orde en canto a matrícula e promoción.
Artigo 20. Consignación dos créditos ECTS no expediente académico do alumnado
As disciplinas dos estudos superiores de Deseño nas que o alumnado obteña o recoñecemento da totalidade dos créditos ECTS asociados figurarán no seu expediente coa cualificación numérica que corresponda segundo o establecido na presente orde, seguida da notación REC (recoñecida).